Obxectivos xerais

– Garantir que todo o profesorado teña plena competencia para desenvolver o seu labor docente en galego e os coñecementos necesarios para participar con criterio en tarefas de planificación lingüística escolar.

-Fomentar o uso progresivo do galego de xeito que se superen as carencias que se observan nos primeiros banzos do ensino.

-Lograr que o ensino obrigatorio garanta unha competencia plena no idioma galego e repercuta de forma efectiva na súa adopción como lingua habitual por parte das novas xeracións.

-Priorizar no ensino do galego a expresión, a afectividade e a utilidade, reforzando a súa dimensión comunicativa e instrumental en relación con contextos vivos e dándolle un protagonismo central á oralidade.

-Garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade e en soportes diversos que fagan atractivo o proceso de aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz.

 

Obxectivos no tocante á lingua habitual:

‐  Incrementar o uso da lingua galega entre a comunidade escolar, tanto alumnado como profesorado.

‐   Intentar romper cos hábitos diglósicos do contorno.

‐ Asesorar práctica ou tecnicamente a todo aquel membro docente que, con  obrigatoriedade ou non, imparta as súas clases en lingua galega.

‐  Preparar actividades (conferencias, teatro, cinema, festivais, concertos, exposicións, saídas…) que teñan como finalidade o fomento da nosa lingua.

 

Obxectivos canto á competencia lingüística

‐  Incentivar o alumnado para que sinta interese pola lingua.

‐  Crear hábitos de lectura e de escrita en galego, así como no uso de calquera tipo de material que se poida empregar en diferentes ámbitos académicos.

‐  Dinamizar actividades de índole extraescolar en que se vexa que o uso da lingua é natural e posible.

 

Obxectivos canto á valoración do idioma

‐   Fomentar o respecto para coa diversidade lingüística e cultural.

‐  Asumir a lingua galega como elemento válido para calquera función comunicativa en calquera contexto.

‐  Recuperar o estatus que á Lingua Galega lle corresponde como idioma propio de Galicia.

 

Obxectivos específicos por sectores da comunidade educativa.

‐ Con relación ao alumnado, eliminar prexuízos aínda existentes , intentar que se incremente nel o número de galegofalantes e, sobre todo, conseguir que se empregue a lingua galega en todos e cada un dos feitos da súa vida e no maior número de relacións comunicativas que se establezan, pertenzan estas ao rexistro oral ou escrito, a situacións consideradas socialmente pouco formais ou, polo contrario, moi formais.

‐ Con relación ao profesorado, intentarase que se amplíen as materias a impartir en lingua galega, á parte daquelas que xa por lei teñen que ser neste idioma, xa que temos profesores galego‐falantes que empregan o castelán nas clases. Procurarase, ademais, que o galego sexa a lingua vehicular non só das materias a explicar, senón tamén da redacción de exames, apuntamentos, relacións cos demais membros do centro, etc. Finalmente asesorarase en calquera dúbida que xurda.

‐ Con relación ao persoal non docente, ofrecerlle un asesoramento no uso da lingua galega no seu traballo no centro a fin de que tamén sirva como alicerce para o uso na súa vida cotiá.

‐  Respecto da situación lingüística do centro afianzar e procurar que aumente o uso do idioma en todas as situacións comunicativas.

‐  No relativo ao contorno, procurar eliminar os prexuízos existentes canto á Lingua Galega.